Monelos, o río da Coruña

O RÍO QUE LATEXA BAIXO OS NOSOS PÉS

Tódalas grandes cidades teñen río. París ten ó río Sena, Londres ó Támesis, Viena o Danubio, Alexandría o río Nilo; a cidade de A Coruña tamén ten un grande río chamado Monelos.
Non ten a lonxitude do Nilo (o río máis longo do mundo) nin a caudalosidade do Amazonas pero é o río máis importante que temos a pesar da ignorancia e o maltrato padecido.


Trátase dun río que está na súa maioría de percorrido mergullado por debaixo das nosas avenidas e rúas e transformado nunha verdadeira Cloaca Máxima como na Roma antiga. O río Monelos (que se chama Mesoiro) canda atravesa o noso barrio e que pasa a poucos metros do instituto, non ten os caimáns dos ríos ecuatoriais pero si unha gran variedade de fauna bañándose nas súas augas turbas por onde navegan veleiros de ferralla e nubes de deterxente.


Dende os outeiros de Feáns ó Areal de San Diego, o río Monelos está hoxe tristemente esquecido, canalizado, sepultado. A súa canle regaba as leiras vizosas de Elviña, San Cristovo das Viñas, Monelos e a Gaiteira. Del bebían as Cernadas, a Camposa, a Horta Grande, O Carracedo, as Mariñas Douradas.
Co paso do tempo, o río foise convertendo no sumidoiro onde ían parar tódalas augas escuras.
O seu traxecto é pequeno, máis intenso, varios brazos importantes enchen o seu caudal. O principal nace un chisco máis arriba do lugar da Castiñeira, rega o val de Feáns e tira cara Mesoiro.
Para salvar o desnivel, formaba unha fervenza que servía para mover as rodas dun batán ou martinete que lle deu nome ó lugar; este tramo de río foi recentemente entubado e fervenza da Coruña desapareceu sen que puidésemos facerlle unha despedida.
Tras estes antigos rápidos, o río volve agromar á superficie (despois de atravesar por embaixo o polígono de Pocomaco). Segue por Someso e a Cabana ata a Ponte de Pedra, onde se axunta cos outros brazos de auga que enchen o seu caudal.
Outro rego nace en Pastoriza, baixa por onda Meicende, a Grela, o Bosque, chega ata San Cristovo das Viñas e desauga no principal nas Laxes de Orro.
Na Fontenova principia outro regato, pasa polas Torres Velas e desemboca no anterior á altura do Bosque.
Da parte de Elviña, dende os rueiros do Souto e do Escorial tamén baixa un afluente importante. E outro máis vén dende Eirís de Abaixo, cruza as Cernandas ata a Ponde de Pedra. Na actualidade, a partir da Ponte de Pedra, o río desaparece definitivamente convertido en sumidoiro. Xusto aquí o río do recordo entraba na Granxa Agrícola. O noso río servía de fronteira, dende aquí ata a súa desembocadura, entre o concello da Coruña e o antigo concello de Oza.
Tiña sona de regato, mais o seu caudal era quen de mover os rodicios dos muíños de Reboredo e da Trigá.
Tras dos muíños, tirando cara á Gaiteira, tamén tiña a súa particular conca do Rhur, comporta pola fundición de “Solórzano” os depósitos da Campsa e a antiga estación do ferrocarril.
Antes do encontro final coa inmensidade oceánica no Areal de San Diego, o río Monelos, na súa vellez, vivía unha experiencia mística e transcendente na Horta das Monxas, entre canas de bambú.
Xa que na cidade non hai sitio para el, que ninguén nos roube a súa memoria. 


Javier Reverte un viaxeiro infatigable

Javier Martínez Reverte naceu en Madrid en 1944. Cursou estudos de Filosofía e Xornalismo. Foi corresponsal en Londres, París e Lisboa, entre outros destinos. Dentro do mundo xornalístico exerceu diversas funcións tales como ser subdirector do diario “Pueblo”. Tamén foi guionista de radio e de televisión.
A súa produción literaria abarca novelas, poemarios e libros de viaxes. É neste xénero en que colleitou máis popularidade: a súa “Trilogía de África” (composta por “El sueño de África”, “Vagabundo en África” e “Los caminos perdidos de África”) reportoulle gran consideración por parte do público. Outros libros de viaxes trataron sobre América Central, as Amazonas, Grecia, Turquía e Exipto.
Á parte dalgúns poemarios como “Metrópolis e “El volcán herido”, e ensaios como “Dios, el diablo y la aventura”, tivo éxito con novelas como “Todos los sueños del mundo” ou “La noche detenida”.



Os seus libros de viaxes son auténticos best sellers detacando:

En mares salvajes. Un viaje por el Ártico (2011)

El río de la luz (2009) (Descenso polo río Yukon ata chegar a Alaska)

Una historia africana (2009) (África)

La aventura de viajar. Historias (2006) de viajes extraordinarios (viaxes polo mundo)

Corazón de Ulises (2006) (viaxe ao mundo helenístico)

Trilogía de Centroamérica (2006)

El médico de Ifni (2005) (novela. Ficción pero trata moi ben a cuestión saharaui)

El río de la desolación. Un viaje por el Amazonas (2004)

Vagabundo en África (2004) (de Sudáfrica ao Congo)

La última frontera (2004) (fronteiras do mundo)

Los caminos perdidos de África (2002) (de Etiopía a Exipto: percorrido polo Nilo)

Dios, el diablo y la aventura (2001). Un relato sobre o xesuíta Pedro Páez que descubriu o Nilo Azul.

Billete de ida (2000). Trátase dunha antoloxía de reportaxes viaxeiros.

El sueño de África. En busca de los mitos blancos del continente negro (1998) (África sudoriental)

Bienvenidos al Infierno. Días de Sarajevo (1994) (o conflito dos Balcáns)

A crise de Grecia vista por un comisario

Kostas Jaritos, protagonista da novela Con el agua al cuello, profundiza sobre a sociedade grega actual

 Nunha Grecia ao borde da bancarrota e cos cidadáns na rúa protestando contra os recortes sociais, o comisario Jaritos deberá investigar unha serie de asasinatos de directivos ligados ao mundo financeiro.


Quen é Kostas Jaritos?

O protagonista desta novela e doutras da mesma colección, é un comisario de Homicidios de Atenas.
Ten vivido moitos episodios da historia de Grecia, e xa asumiu o seu pasado de xove policía durante a Xunta Militar dos Coroneis; desta época quédalle un bo amigo Zisis, comunista que sufriu a tortura e o cárcere durante a ditadura. Está casado con Adrianí, unha muller cun carácter moi forte que non lle aforra discusións nin pelexas. A súa mirada sobre a Atenas contemporánea é irónica e escéptica, as súas opinións contundentes e politicamente incorrectas. Jaritos sempre chama ás cousas polo seu nome, incluso para reírse das ansias internacionalistas da Grecia posolímpica e, agora, para criticar a xestión da grave crise económica que afecta ao mundo occidental.

Quen é Petros Márkaris?

 O escritor desta novela naceu no ano 1937. Estudiou ciencias económicas en Viena e en Stuttgart, trasladouse a Atenas, onde reside na actualidade. Guionista de televisión e autor teatral, ten colaborado en varios guións do cineasta grego Theo Angelopoulos, entre os que destacan La Mirada de Ulises (1995) e La eternidad y un día (Palma de Ouro no Festival de Cannes de 1998). Asimesmo, traduciu a importantes autores da lingua alemana como J.W. Goethe, Arthur Schnitzler, Bertolt Brecht e Thomas Bernhard. A fama chegoulle coa serie de novelas policíacas protagonizadas polo comisario grego Kostas Jaritos.
Obras deste autor traducidas ao español:

Noticias de la noche, 1995 Ediciones B (2000) (reeditada por Tusquets no 2008)
Defensa cerrada, 1998 Ediciones B (2001) reeditada por Tusquets no 2008)
Suicidio perfecto, 2003 Ediciones B (2004)
Un caso del comisario Jaritos y otros relatos clandestinos, 2005 Ediciones B (2006)
El accionista mayoritario, 2006 Tusquets (2008)
Muerte en Estambul, 2008 Tusquets (2009)
Con el agua al cuello, 2010 Tusquets (2011)

Enlaces de interese:

Editorial Tusquets 
Lectura dun fragmento da obra
Grecia e os gregos segundo Petros Márkaris no programa de RTVE "En portada"
Elpais.com/cronica-negra/febre de suicidios en Grecia un caso irresoluble para o comisario Jaritos