Este libro recolle reflexións sobre a actual crise do capitalismo neoliberal dende as súas orixes ata o momento actual. Dende os diagnósticos iniciais ata a valoración dos feitos máis importantes que foron acontecendo ao longo destes anos, así como as medidas de política económicas que foron adoptando as autoridades económicas no G-20, FMI, bancos centrais, Unión Europea, Goberno central e Xunta de Galicia.
A crise é de maior envergadura do que se admitiu nun principio e do que se admite hoxe en día. Os problemas financeiros trasladáronse, pola vía do rescate bancario, ao orzamento público. Nese momento temblaron os cimentos dun modelo de acumulación económica.
Xavier Vece estrutura o seu traballo en bloques: a mirada global, o ataque ao Estado de benestar, o desmantelamento das caixas ou as reformas laborais. Recupera textos publicados en Tempos Novos e Xornal de Galicia e engade outros inéditos. Con estas pezas fai unha análise na que se prantexa "reconsiderar o proceso de globalización" e para iso receita: "regulación estrita do capital financeiro, eliminar os paraísos fiscais, recuperar e garantizar o equilibrio comercial dos países".
Porque o tamén autor de O fracaso neoliberal na Galiza (A Nosa Terra, 2005) avisa da necesidade de atender aos desaxustes comerciais nos que ten desembocado 30 anos de neoliberalismo. "A desmontaxe industrial e a deslocalización de empresas nos países europeos periféricos", expón, "contribuíu a dividir o mundo entre produtores -países como China- e consumidores por vía do endebedamento. Iso non é sustentable a medio prazo".
Pero a saída prantexada por Vence a estes tempos, acelerados dende a quebra en 2008 de Lehman Brothers, non parece o sentido común dominante. "Sí, é certo. O neoliberalismo radicalizou a súa aposta", explica quen avanzou a desaparición pola vía bancaria das caixas de aforros, "sen embargo, é inviable". Non opinan así únicamente os científicos sociais progresistas, engade, senon "os profesionais e incluso o empresariado produtivo. Outra cousa é que non o digan en voz alta". Do calexón sen saída dos rectortes, "o autoestrangulamento", escaparase mediante a loita social. "A non ser que a poboación estexa disposta a reducir un 40% o seu nivel de vida", conclúe.